Monday 29 de April de 2024

As obras de mellora da estrada entre O Igrexario de Golmar e San Pantaión iniciaranse nos Próximos Días


O proxecto estará valorado en 106.000 euros.

O alcalde José Manuel López Varela, xunto ao concelleiro de Obras Públicas, Pablo Cambón, o director de obra e o representante da empresa contratista Excavaciones y Obras Candal S.L., asinou hoxe a acta de replanteo do proxecto de mellora da estrada da parroquia de Golmar que comunica O Igrexario con San Pantaión. Despois deste trámite, as obras comezarán a executarse nos próximos días.

O tramo obxecto desta intervención presenta unha lonxitude de 1.225 metros, ao longo dos que vai ser renovada a superficie de rodadura dos vehículos cunha nova capa de aglomerado asfáltico en quente, acondicionados os sobreanchos en ambas marxes da calzada e perfiladas as cunetas para favorecer a drenaxe do terreo. Os traballos completaranse coa sinalización vertical e horizontal, contemplando o pintado das liñas dos bordes e do eixo da plataforma, así como dos símbolos necesarios segundo o código de circulación.

A actuación está valorada en 106.000 euros. Dará continuidade ao proxecto recentemente executado, de similares características, e que afectara a outro tramo de 1.200 metros de lonxitude desta mesma estrada desde San Pantaión en dirección á Xesta, xa en Soutullo. Trátase dunha vía vertebradora das comunicacións na zona ao dirixir, a continuación, á parroquia de Soandres e, finalmente, ao municipio veciño de Cerceda.